top of page
Tradición

TrAdición

wave-tattoo-png-8_edited_edited.png

O MARISQUEO

Ten máis historia da que coñeces...

O berberecho de Noia coñécese dende hai moitos anos. Seguramente antes do que a xente poida imaxinar. Xa no ano 2500 a.C, na época castrexa, era un produto de gran importancia. Na vila pódense ver lugares, denominados cuncheiros, nos que se aprecian unha gran cantidade de cunchas da época, que demostran a importancia que o berberecho tiña xa daquela.

Posteriormente, coa chegada dos romanos, o produto estrela das nosas praias non pasou desapercibido. É coñecido que os romanos buscaban dúas cousas: escravos e produtos de valor para levar para Roma.

Na zona encontraron un nicho de gran importancia, o que fixo que se asentasen na vila e creasen un conventus, unha especie de alcaldía dende a que os romanos controlaban as súas xestións. Unha vez máis, podemos ver a importancia que tiña para eles grazas ós restos que perduran na actualidade. Neste caso trátase dunha xoia, un colar en forma de cuncha de berberecho que apareceu nun depósito funerario en Gundelsheim Stuttgart, Alemaña.

Século xx

Fotografía cedida polo Museo do Mar de Noia

Saltamos ó século XX, onde o berberecho sofre a súa peor época e, ó mesmo tempo, de maior consumo. A guerra e a posguerra fixeron que en moitas casas non houbera nada que comer. A fame batía con forza nos fogares de miles de galegos que aproveitaban os recursos naturais para ter algo que levar á boca.

Nestes anos a xente alimentábase fundamentalmente do mar, o que fixo que o marisco estivese moi desprestixiado. Que na vila ou na aldea se soubese que comías estes produtos era unha vergoña. Pero non había outra cousa. De feito, a xente ía á praia a por berberechos de noite para que ninguén os vise. Centos de persoas escoitan hoxe estas historias das súas avoas, que sacaron familias adiante grazas a isto.

Na ría de Noia había, nestes anos, toneladas de berberecho que se podían coller sen ningún tipo de control nin rexistro. Familias enteiras ían á praia e volvían con caldeiros cheos que collían sen ningún tipo de traballo. Había unha cantidade tan desorbitada que se podía coller a paladas. 

A situación non cambia até os anos 50, cando os empresarios comezan a interesarse polo berberecho como un produto óptimo para as conserveiras. Empezan así a aparecer os primeiros compradores oficiais de berberecho, que fan que a xente puidese gañar cartos ademais de comer do mar. Nesta época chegáronse a vender 200 toneladas de berberecho.

Na memoria da xente aínda quedan imaxes do que foi ir ó berberecho: sen seguro, sen roupa, sen coches, sen control… Ían á praia pola mañá, volvían para facer a comida, e volvían ir pola noite para vender máis berberecho ás agochadas. Tódolos días durante 6 meses. Todo para gañar algo que lle dese para alimentar a súa familia.

escoita A historia da avoa de Félix Túnez

IMG_0903_edited.jpg
Audio - Félix Túnez
00:0000:00

Hoxe por ti e mañá por min

Esta é a frase que máis se escoita nas xornadas de marisqueo na praia de Taramancos. Durante todos estes anos a dureza do mar forxou entre as mariscadoras e mariscadores un sentimento de compañeirismo para que todas teñan a mesma oportunidade. 

Ante un problema ou unha dificultade son as propias mariscadoras as que se axudan entre elas para que todas poidan chegar ó cupo e así ter ingresos no fogar. 

 

Non é un sentimento recente. Un traballo que se arrastra dende séculos e que conseguiu illar da praia á competitividade. Non é unha loita porque unha leve máis, senón unha axuda constante para que todas leven o máximo. 

Adelina Outes naceu en 1929 en Noia, nunha familia mariñeira. Non recorda ó pai, pero si a súa nai, as súas irmás e a seus irmáns indo á praia para poder comer. Con 22 anos colleu o rastro por primeira vez, e non o soltou até os 65, cando se tivo que xubilar. 

Houbo invernos duros nos que o berberecho abría a boca. Para o pobo iso era a fame absoluta. Morría o sustentador principal da familia. Cando o tempo llo permitía recollían todo o que podían día si e día tamén. Adelina facíao en saia e descalza. Unhas botas para levar ó mar eran un luxo ó que non podía facer fronte.

Para chegar á praia andaba dende Noia até a Misela, e volvía cargada de 50kg de berberecho para a casa. Camiñando de novo. Facíalle a comida ós nenos. Pola noite volvían marchar. Agochaban o berberecho no monte e a mañá seguinte, antes de ir para a praia, vendíano. Era a maneira que tiñan de gañar 4 pesos máis. 

Con 33 anos quedou viúva por culpa do mar. Iso que din de que o mar tanto che dá a vida coma cha quita non pode ser máis certo. Quitoulle o marido pero doulle a comida para sacar soa ós seus catro fillos adiante.

No 1994 tívose que xubilar, pero pola agraria. Non tiña ningún tipo de seguro de marisqueo que lle permita ter unha pensión diso. Con tódalas durezas que pasou e a punto de cumprir os 90 anos, se lle deixaran collía o rastro e volvía para a praia. Non hai como o amor polo que un fai para facelo a pesar de todo. 

"Eu da praia vestín e calcei aos meus fillos"

Adelina Outes

Adelina

"

bottom of page